Falece J. J. Cebrián, defensor do culto xacobeo

O sacerdote Juan José Cebrián Franco faleceu o 24 de xullo en Santiago ós 76 anos. Perdeu a batalla contra unha dura enfermidade cando non se cumprira un mes do seu nomeamento como cóengo da Catedral de Santiago.  Os días 3 e 25 de agosto, ás 09.30 horas celebraranse na Capela Maior da Catedral as misas establecidas, segundo o costume do Cabildo Metropolitano.

 Juan José Cebrián actualmente era director da oficina de Socioloxía, Estatística e director dos servizos diocesanos de informática e internet. Ideara o Portal da Igrexa Metropolitana de Santiago en Internet (www.archicompostela.org).  Naceu na capital galega o 6 de xuño de 1933. Cursou Humanidades, Filosofía e Teoloxía no Seminario Metropolitano de Santiago. Foi ordenado sacerdote polo cardeal Quiroga Palacios o 18 de marzo de 1956. Na Universidade Gregoriana de Roma licenciouse en Ciencias Sociais, retornando, unha vez titulado, á súa cidade natal onde exerceu a docencia no Seminario, varios institutos de Formación Profesional e no Instituto Arcebispo Xelmírez I ata a súa xubilación en 1998. Tamén desempeñou varias responsabilidades no Arcebispado de Santiago: consiliario diocesano da Mocidade Obreira Católica, profesor do Seminario Metropolitano, delegado episcopal en Cáritas Diocesana.

Froito da súa actividade como sociólogo son abundantes estudos de Socioloxía da Relixión e outros temas na súa maioría referentes a Galicia. Son tamén numerosas as súas colaboracións en revistas científicas e na prensa.  Moitos anos da súa vida dedicounos a investigar e defender o culto xacobeo A súa preocupación pola ofensiva contra a autenticidade dos restos do Apóstolo na catedral levouno a dedicar o seu tempo ó Xacobeo, a axudar na Delegación Diocesana de Peregrinos e a difundir todo o que investigaba sobre o tema xacobeo mediante conferencias e publicacións, como as que seguen: Santiago (1971) Santiago y Galicia. (1976). Hasta el Fin de la Tierra (Seminario Maior de Santiago1993). El Apóstol Santiago (Ed. San Pablo. 1999). El Apóstol Santiago y su sepulcro. (ed. san Pablo, Colec. Vidas breves 2003). La cuestión Jacobea en el siglo XX (Prólogo, transcrición, titulación e notas da última aportación de Mons. Guerra Campos ao tema xacobeo) (ITC, Colectanea Pastoral nº 5. Santiago 2004) A súa última obra (2008) é Los relatos de la traslación de los restos del Apóstol Santiago a Compostela, editada polo Instituo Teolóxico Compostelán (ITC). Recóllense aquí as diversas fontes escritas da Idade Media que fan referencia á ‘traslatio’, así como a posible orixe destas tradicións e a súa trasmisión até os séculos medievais; destacan algunhas fontes de obras do Arquivo da Catedral de Santiago, como pode ser o relato da translación que fai o Códice Calixtino ou a referencia da Historia Compostelá, ambos os textos do século XII. Incorpórase ademais a edición das fontes en latín e a súa tradución ao español. Esta obra, revisión dunha das máis destacadas tradicións xacobeas medievais, publícase como un novo número (16) da Colectánea da Cátedra Cardeal Quiroga.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *